Friday 03 de May de 2024

Unha exposición na biblioteca de Monte Alto recrea o universo pirata dos Playmobil


A exposición foi proposta por Rodrigo, un rapaz dos Castros de 11 anos que colecciona as figuras desde os catro e que ten xa sobre 1000

A biblioteca de Monte Alto, Vereda do Polvorín s/n-3.º andar, inaugurou esta mañá unha exposición sobre piratas feita con figuras de Playmobil. A iniciativa da mostra procede do dono destes xoguetes, un rapaz de
11 anos chamado Rodrigo, que explicou no acto como naceu a súa afección por xuntalos e como foi quen de facerse cos modelos máis difíciles porque na casa tiña os galeóns antigos do seu pai. Hoxe, o resultado pode verse no centro bibliotecario do barrio, onde permanecerá aberta ata finais de agosto.

Na exposición, está unha selección das mil que ten o cativo, incluídos os barcos e as illas antigas e murallas, as pezas máis valiosas e que en parte gardaba o seu proxenitor, quen lle transmitiu a devoción polos Playmobil. Rodrigo explicou que con catro anos descubriu unha caixa chea deles e “quixen máis e máis”. Son, polo tanto, dúas xeracións movidas por un gusto en común polo mundo fantasioso que leva construíndo a firma alemana desde o século pasado.